A tarde de onte foi de bule-bule para as xentes do teatro. Os rumores máis sorprendentes non se confirmaron ata a tarde, cando se decidiron a convocar unha rolda de prensa para confirmar que o buque do CDG queda sen patrón. Ánxeles Cuña Bóveda demitiu onte da direción do Centro, segundo dixo, polo impedimento de lle garantir o único requisito que puxera á entrada no cargo. A Consellería de Cultura non pode garantirlle a praza de docente nun instituto de Ourense.
O director xeral de Promoción e Difusión Cultural, Luis Bará, acompañaba onte a Cuña, e confirmaba a incompatibilidade no cargo co mantemento da praza que esixía a directora de Sarabela. Con pesar, Bará asegurou que "non se lle pode reservar o destino". Tildou a situación de inxusta e explicou que atende ao mecanismo propio do Igaem, polo cal o contrato asinado ten a categoría de alta dirección e non de alto cargo, polo cal non ten dereito á comisión de servizos especiasi que garantiría a praza e o destino da directora.
Todos lamentaron a coxuntura legal de incompatibilidades coa que se enfrenta o CDG, e que levou á demisión a Cuña. Lembrouse tamén que durante trece anos (os que durou no cargo Manuel Guede) incurriuse nunha situación de ilegalidade, xa que si se mantivo a praza docente.

Tan só seis meses foron os que durou o mandato de Ánxeles como responsable do teatro institucional galego. Medio ano que deron tempo para formular (un tanto ás presas, hai que dicilo) un proxecto de catro anos, e para dúas estreas: Illa Reunión, de Ana Vallés, e A cabana de Babagaiá de Paula Carballeira. Ata o momento, sendos espectáculos con boa acollida de crítica e público.
Haberá que agardar ata o vindeiro 17 de marzo para coñecer quen se ocupará da dirección en diante. Quen sabe, igual chaman de novo a Guede...
servido por mardefondo
sin comentarios
compártelo
É sabido que os luns os xornais aliméntanse (de non producirse catástrofe numeraria ou declararación catastrófica) de producción de nevera e noticias curiosas. A sección de Sociedade da Voz de Galicia deste día inclúe hoxe unha peza de difícil verificación, e indiscutible gancho.
Nesta xornada teñen priodade as informacións relativas á sucesión de Fraga á fronte do PPdeG, na pel de Nuñez Feijoo; e a victoria á presidencia da chilena Michel Bachelert.

A noticia en si fala dunha prohibición das moitas que impón o credo islámico ós seus seguidores. Desta vez o decreto vén de Exipto e impide ós musulmáns desta nacionalidade unha práctica que cae dentro do ámbito do privado, é máis, do íntimo. Unha parcela que os fundamentalismos (sexa do signo que for, e da nacionalidade que se queira, aquí non hai distincións) non contemplan como intocable.
O decreto, máis propio da Idade Media que do século XXI, impide ás parellas casadas ter relacións sexuais lixerios de roupa. Non aconsella cómo facelo logo (non o aclara o xornal cando menos), se con bufanda e calcetíns (NON, POR FAVOR) ou co mítico camisón longo ata os pés e cun burato estratexicamente colocado á altura do que interesa. Non me dirán que non tiña o seu encanto, co seu bordado a man, tesouro de todo enxoval que se precie.
Non imaxino cousa máis obscena e traballosa, a verdade, que aplicarse ás obrigas da carne con traballo milimétrico. O contrario, o intercambio sexual en estado de nudez, é concibido como invalidador do matrimonio, aínda que non se explica cales son as razóns que o converten en instrumento da perversiópn. Quizais por que a visión do corpo nú comporta un pracer engadido ó que debe ser unha práctica motora meramente reproductiva.
Non sei onde estará escrito, pero insisto en reclamar a pertinencia primaria da sexualidade natural. E natural é facelo como a cada un lle conveña en cada momento. Vestido, nú ou disfrazado, é un erro e unha desvirtuación, case unha perversión, poñer coutos en terreos nos que só debe ter potestade cada individuo.
Por outro lado, teño para min que será un pouco complicada a observancia desta norma..., e menos mal.
servido por mardefondo
1 comentario
compártelo

Non deixo de sorprenderme pola inclusión reiterada en moitos medios de comunicación, sexa escritos ou audiovisuais, de mensaxes que, baixo apariencia informativa, deixan caer contidos claramente publicitarios.
Seguro que todos os tedes visto. Nos informativos de TV é moi habitual por exemplo cara ó final do programa que se deixen pasar por novas de actualidade pezas cuxo único fin é 'vendernos' un producto. Películas, libros, o último disco dun artista,... Non quere con isto dicir que estas persoas non merezan ese tempo-espazo no tubo catódico (ou na radio, ou no que sexa). Posiblemente o mérito do traballo é digno de ser difundido, pero non debe ser produto de comercialización, que é realmente ó que se adican os medios que conciben en clave de espónsor e patrocinador os protagonistas das súas informacións.
Este comentario ven ó caso dunha noticia aparecida o 29 de novembro na edición Carballo de La Voz de Galicia. no interior do caderniño e ocupando toda unha páxina viña unha información referida á próxima apertura dun hipermercado en Coristanco. Certamente, un feito que eu pola miña parte cualifico de bastante trivial (pode ser reseñado, máis nada) está a ser verdadeiro foco informativo de tódolos medios de difusión da comarca.
No caso de La Voz destina a esta información espazo durante un tempo dilatado, desde que se soubo da intención de Carrefour de levantar a súa macro área de consumo neste punto da Costa da Morte.
A adquisición de terreos, as obras e prazos de execución, o proxecto, a 'candidatura' dos futuribles empregados... Todo foi de interese para a prensa, que reservou lugar priovilexiado para canta información verteu a empresa gala.
No artigo mencionado (case reportaxe) non só o ornamentan con 3 fotografías a toda cor das instalacións aínda non inauguradas senón que contén todo tipo de datos sobre os servizos, productos e demais marabillas que trae o hiper baixo do brazo. Todo para que o lector saiba canto e qué bo o que vai atopar o consumidor, sen o artificio da publicidade.
Unha sociedade culturalmente medrada no discurso audiovisual e de mercado conxugados sen fisura sábese afeita á mensaxe publicitaria, cada vez máis sofisticada e poderosa. Nada mellor que agochar o contido baixo un discurso informativo, e revestilo de suposta credibilidade e rigor, para facer máis efectiva a mensaxe.
Folga dicir as motivacións que levan a un medio de comunicación a facer este tratamento no seu discurso, sobre todo cando se trata de empresas privadas. O contrato publicitario debe ser un prato apetitoso de máis para andarse con escrúpulos
Unha nota: poderían acompañar as súas pezas seudoinformativas cunhas notas de interese humano. Por exemplo, a imposible loita dos pequenos comercios coas grandes superficies; a repercusión dun xigante trasnacional nunha área pouco desenvolvida; a diferenza entre o capital invertido e o beneficio, e canto deste marcha alén das nosas fronteiras.
servido por mardefondo
sin comentarios
compártelo