
O medio televisivo naceu hai xa ben décadas como posta en escea dun xénero híbrido do teatro e a información. Unha linguaxe tatexante que procuraba rudimentos e vieiros propios de expresión, que pouco a pouco se foron consolidando.
Hoxe en día, apenas si quedan vestixos que dean idea de tal orixe, relegados case sempre a horas intempestivas da grella imposta. Estos días, hai motivo para felicitarse, sobre todo na Televisión Galega. A canle autonómica aposta por un formato en extinción no medio: a sitcom. A produción Pepe o inglés é un claro exemplo da traslación do formato teatral á TV. Unha fórmula a medio camiño entre as dúas canles que aproveita as vantaxes dunha e outra con notable inxenio.
Boa parte do éxito radica na elección do grupo humano que a materializa: Chévere. Veteranía, dominio do medio televisivo e un sofisticado sentido do humor que entende de pobo pero non de populismos (véxase Os Tonechos).
Evidencia de que algo está mudando no seo da TVG.
servido por mardefondo
1 comentario
compártelo

Hai quen vive en Galiza como se estivese
nunha burbulla.
Alleos á realidade de Galiza, alleos á
lingua que nos une como galeg@s
ROMPAMOS ESAS BURBULLAS !
O galego comeza agora unha nova etapa
CHEA DE ENERXÍA. Súmate!
POR QUE NON GALEGO?
Hai un truco para dar o paso: se te bloqueas
ao comezares a falar en galego con quen
sempre falaches en español, podes comezar
por usalo con persoas descoñecidas e
practicalo en situacións novas, para ir
introducíndoo logo na túa esfera
habitual.
Non te avergoñes dos defectos que poidas ter,
Coñeces algunha lingua que se poida aprender
a usala ben sen usala?
GALEGUIZA A TÚA VIDA!
Hai uns, días de copas á noite atopaba enriba da barra dun garito compostelán unha octaviña con esta mensaxe. Por unha volta, unha composición de rostros mozos, fríos e distantes, ocultos tras unhas gafas de sol ó máis puro estilo da Sombra Cazadora de Suso de Toro. Pola outra, esta mensaxe da Mesa de Normalización Lingüística da súa última campaña concienciatoria respecto da necesidade de empregar o galego como vehículo de comunicación.
Vaia por diante que concordo na pertinencia de promocionar o uso do galego, e sobre todo, de contribuír na posta en valor do noso idioma. Co que non comulgo é co adoutrinamento e a moralina, sexa cal for o seu signo. E desafortunadamente esta campaña peca de ambos excesos. non hai máis que ver as pautas que aconsella seguir, que nos lembran plataformas propagandísticas endémicas doutros gobernos.
Por favor, un pouco de tino de emular deseños que nos desposúan da liberdade individual para converternos en limitados adictos ó réxime.
servido por mardefondo
sin comentarios
compártelo
Agora que non paran de bombardearnos con mensaxes que profetizan novas posibilidades e concepcións da recorrente televisión. Agora que a TDT ameaza con ser a tecnoloxía máis desexada. Agora que todos os gurús da comunicación profetizan anovadores modos de interactuar coas canles. Agora, por fin, a nosa TVG encamiña os seus pasos cara un plantexamento (confiemos sexa así) propio do século que habitamos.
Hai cousa dun par de semanas botaba o peche ese espazo catódico que a ben seguro pasará ós anais da historia televisiva deste país. Folga dicir que se trata da creación do non menos emblemático super piñeiro (desculpen as minúsculas).
Haberá quen se alegre coa noticia, aínda que estou segura haberá máis de un que o bote en falta (aínda que non o confese en voz alta), pero do que non hai dúbida é de que había demasiado tempo que se tiña que ter tomado esta decisión.
Xa non por política, nen sequera por un criterio estético que repele productos nados da mistura de José Luis Moreno e Ana Kiro en versión pormoderna. O que é urxente dende hai demasiado tempo é dar cabida na única plataforma televisiva deste país a espazos e xentes con ideas orixinais, interesantes e viables.
Os programadores xa non poden parapetarse na coartada da audiencia. É claro que non existe unha fórmula do éxito. Pero tamén que existe o dereito a unha programación de calidade. E por certo, tamén a un mínimo recambio xeneracional.
Por certo, señor Piñeiro, de non atopar traballo sempre pode xuntarse con Parada e Urdaci que creo tamén andan a buscar traballo.
servido por mardefondo
sin comentarios
compártelo