Categoría: eszena teatral galega
20 Marzo 2006
A materia prima da factoría teatral son fundamentalmente as historias e os intérpretes. Cando falla un deles, aínda que existan outros elementos propios da dramaturxia, o resultado fica tolleito.
En tempos de modernidade, a experimentación, a busca de novas fórmulas expresivas e mesmo a provocación, redundan en produtos amorfos (aínda que ás veces loables) que procuran a proxección de elementos únicos ata o extremo e a negación absoluta dos demais. O produto final poucas veces trascende a mera sorpresa.
A tempada continúa a ser prolixa en referentes dun e doutro tipo: de espectáculos parciais de desigual fortuna, de produtos redondos e rotundos e de espectáculos que peses ás boas intencións, erraron finalmente no bo camiño.
A pasada fin de semana coñecemos a última creación de Talía Teatro. Unha revisión contemporánea e arriscada da obra máis sonada de Beckett: Esperando a Godot, estreada hai cincuenta e tres anos en París, e cuxo impacto marcou un fito na historia teatral. A cousa non era para menos, e é que, aínda hoxe, medio século despois, continúa a ser un texto incómodo ao espectador, preado de desacougo.
A historia está aí, vestida de nudez e evidencia. Insultante evidencia que fai prescindible todo referente espacio-temporal. De par dela, da historia, uns poucos personaxes, atrapados nunha dimensión na que non hai lugar máis que para a espera. O drama reside no estatismo elocuente de seres cuxo nome non importa porque todo perde sentido segundo o tempo se consume e volve ao mesmo punto. Sen que pase nada, sen que nin a morte os redima.
O director, Roberto Salgueiro, apostou por unha certa proxección humorística, onde a densidade do texto, a soleminidade, se exprese por si mesma, sen necesidade de acentos innecesarios. Vladimir e Estragón participan ao espectador do seu drama a partir do humor nacido do absurdo e da loucura. De certo punto irracional e infantil, chave de sincera empatía.
O resto de personaxes contribúen ao desalento e a desesperación dunha atmósfera irrespirable, na que todos están atrapados. A traxedia non é tanto estálo como ter conciencia de o estar. Ese punto de lucidez na loucura.
Brillante presentimento que non pasa desapercibido; Talía Teatro.
servido por mardefondo
sin comentarios
compártelo
10 Marzo 2006
A tarde de onte foi de bule-bule para as xentes do teatro. Os rumores máis sorprendentes non se confirmaron ata a tarde, cando se decidiron a convocar unha rolda de prensa para confirmar que o buque do CDG queda sen patrón. Ánxeles Cuña Bóveda demitiu onte da direción do Centro, segundo dixo, polo impedimento de lle garantir o único requisito que puxera á entrada no cargo. A Consellería de Cultura non pode garantirlle a praza de docente nun instituto de Ourense.
O director xeral de Promoción e Difusión Cultural, Luis Bará, acompañaba onte a Cuña, e confirmaba a incompatibilidade no cargo co mantemento da praza que esixía a directora de Sarabela. Con pesar, Bará asegurou que "non se lle pode reservar o destino". Tildou a situación de inxusta e explicou que atende ao mecanismo propio do Igaem, polo cal o contrato asinado ten a categoría de alta dirección e non de alto cargo, polo cal non ten dereito á comisión de servizos especiasi que garantiría a praza e o destino da directora.
Todos lamentaron a coxuntura legal de incompatibilidades coa que se enfrenta o CDG, e que levou á demisión a Cuña. Lembrouse tamén que durante trece anos (os que durou no cargo Manuel Guede) incurriuse nunha situación de ilegalidade, xa que si se mantivo a praza docente.

Tan só seis meses foron os que durou o mandato de Ánxeles como responsable do teatro institucional galego. Medio ano que deron tempo para formular (un tanto ás presas, hai que dicilo) un proxecto de catro anos, e para dúas estreas: Illa Reunión, de Ana Vallés, e A cabana de Babagaiá de Paula Carballeira. Ata o momento, sendos espectáculos con boa acollida de crítica e público.
Haberá que agardar ata o vindeiro 17 de marzo para coñecer quen se ocupará da dirección en diante. Quen sabe, igual chaman de novo a Guede...
servido por mardefondo
sin comentarios
compártelo
2 Marzo 2006
Colas interminables ao frío ruín de Compostela, apertura de taquilla a horas insospeitadas, cartel de cheo e moita expectación. Non se trata do concerto de U2 nin de triunfito algún que se deixara ver por estas latitudes. O motivo de tanto traxín non foi outro que o da arrivada á cidade do Apóstolo do sonado Hamlet galego. A producción de RTA que dirixe Lino Braxe, a quen por certo, lle deben pitar –e ben- os oídos estes días.
O caso é que foron centos as persoas que se arrincaron do sofá a pasada fin de semana a pesares do mal tempo, para acudir ao teatro. E quíteme Deus de criticar tal esforzo. Louvado sexa quen deu en atraer de tal xeito ao persoal, moito do cal era, por certo, a primeira vez que acudía a tal evento. A causa é máis que sabida: o xuíz de Portozás deixábase ver na pel dun pouco crible “incerto señor don Hamlet”. Pero gustou, vaia se gustou. Os aplausos rompían coas mans, e os asubíos e os berros de “guapo, guapo” encheron a sala logo de máis de dúas horas e media de espectáculo. Tanta ledicia desconfío non fora por ter rematado e poder desentumecer nádegas e articulacións varias, que pola excelencia da produción.

E é que a cousa, non poden negalo, daba para máis. Para moito máis. Tanto no eido interpretativo como na mera posta en escea, o resultado foi frouxo, tirando a cutre.
A maior parte das personaxes son simples siluetas de cartón, de tratamento superificial, sen intencións, sen carácter. Tanto que dubido que os propios actores superan en todo momento cal era o seu papel e o seu nome.
A elección de actores debe ser ante todo responsable e convincente. Non se pode consentir que o elenco responda a un criterio mercantil, coma quen escolle adubíos para un escaparate. Si, hai que traer a xente ao teatro, pero non para que non volvan do espanto.
Canto á escenografía, lembro montaxes afeccionadas ben máis dignas. As columnas de orde sincrética ameazaban en todo momento con descalabrar a Hamlet-Tosar e o seu padrastro-Pernas, quen por certo, segue na súa liña de impostación elocutoria, que obriga a ignoralo por excesivo e recalcitrante.
O certo é que non se ve por ningures tanto carto como se conseguiu xuntar para esta produción, a non ser que as star system encheran a saca sen rubor.
Pero sen dúbida, o máis enoxoso é o tratamento musical. Un repertorio inmotivado, absurdo, ás veces mesmo ridículo, fai que se perda o sentido nalgúns dos momentos álxidos do Hamlet. A falla de criterio fai que ocorran este tipo de tropezos, inexcusables para quen se pretende paradigma do moderno teatro galego.
En fin, que hai moito onde rascar nesta ocasión, e que quede claro que non polo gusto de tirar abaixo a aposta shakesperiana, senón polo prematuro colgue de medallas e o desprezo expreso ao traballo da profesión, no marco dunhas condicións case sempre ben máis duras do que desta volta.
servido por mardefondo
5 comentarios
compártelo
21 Febrero 2006
RTA. A actividade teatral non cesa en febreiro. Ao contrario, son varias as compañías que sacan do forno os seus últimos traballos, en estreas anunciadas a bombo e platillo, aínda que con desigual promoción.

A pasada fin de semana coincidían no tempo, por unha banda, O Hamlet dirixido por Lino Braxe, que se presentaba no Teatro Rosalía de Castro da Coruña; e por outro, o último espectáculo de Teatro do Atlántico: A raíña d beleza de Leenane, dirixido por Xulio Lago.
No primeiro caso, unha promoción espectacular en todos os medios durante meses, unha partida financeira rotunda como nunca houbera en Galicia, e un elenco de talento incuestionable, semella que non foron garante de calidade teatral. As críticas á dirección de Braxe son abondo demoledoras, a pesares de que o favor do público (máis pola presenza de Tosar que polas cualidades do traballo) está a ser o agardado. Definido como mero recital de texto e representación máis que interpretación, o chamado Hamlet de Tosar non chega ó aprobado. "Este é un Hamlet representado, que deita sobre os espectadores o argumento, pero mudo para que os personaxes trasparenten as súas motivacións". Palabras duras de Camilo Franco, para o que se agarda como fenómeno teatral da temporada.
O punto feble está en non atopar intencións nos personaxes: a representación limítase a posta en escea dos actores, mera coreografía.
Baten duro as críticas en elenco e dirección. Ningúen dubida da dificultade de facer crible o periplo do Príncipe de Dinamarca, un Hamlet que por fin divaga en galego. Tal vez, conviría máis humildade ou ben non desenfocar a atención da creación en si para desviala a elementos satélites, como son, insisto, a publicidade e promoción do produto. Iso é cousa de outros, non da dirección.
"Porque o primeiro que esixe un Shakespeare é ser consecuente. Facer un Hamlet é, antes que nada, un exercicio de responsabilidade".
TEATRO DO ATLÁNTICO.
A veterana compañía levou a escea a súa última montaxe o pasado venres no auditorio de Narón: A raíña da beleza de Leenane. Un texto escrito polo británico Martin McDonald hai unha década.
O drama localízase nunha pequena vila de Irlanda (Lago debe sentir apego especial por estas latitudes. Lembrar que tamén O Encoro se situaba neste país), onde se reflexiona sobre temas humanos como a emigración, a soidade, o illamento... O espectador asiste á evolución intera e externa dos personaxes e particida das súas emocións, sempre orgánicas, nacidas dun fundamento real.
servido por mardefondo
sin comentarios
compártelo
25 Enero 2006
Sen ánimo de resultar cargante, sigo a reseñar eventos teatrais dignos de ter sidos en conta.
En datas vindeiras chegará a escena a última revisión dun Hamlet en clave galega. Unha aposta por un modelo de espectáculo que basea o seu atractivo na grandiosidade e na inclusión de nomes coñecidos polos seus bolos no cinema e a televisión fundamentalmente, o que non resta cualidade a priori ó produto. É unha fórmula sen dúbida máis marquetiniana de abordar a cuestión cultural, mellor engraxada de elementos populares. O máis atractivo, a posibilidade de ver entre candelexas ó cinematográfico Tosar, que a piques estivo de non poder meterse en fariña no proxecto de Lino Braxe, polos seus compromisos coa rodaxe de Miami Beach na pel, como non, dun amigo do alleo e do lado escuro.
O amparo financeiro da ex muller de Amancio Ortega, Rosalía Mera, fai pensar nun estudo milimétrico do proxecto para minimizar riscos. Lembremos que, por exemplo, o espectáculo estivo a piques de paralizarse cando Tosar era inseguro, xa que o gancho de público sería moito menor.
En todo caso, convén loubar que por unha vez o teatro non se alimente do papa estado, neste cago do papa IGAEM, e se mova para financiar o que por norma debe evoluír cara unha industria cultural en termos propios da sociedade de mercado na que inevitablemente vivimos.
Insisto: unha cita a ter en conta na nosa axenda no mes de febreiro, da que seguro volveremos falar en breve.
E por certo, este ano celébrase o centenario do nacemento do dramaturgo Samuel Beckett, e en Galicia xa se están cociñando algunhas propostas... Haberá logo que esperar que chegue Godot.
servido por mardefondo
sin comentarios
compártelo
24 Enero 2006
O cartel desta semana do Teatro Principal de Santiago de Compostela conta cun prato apetecible para os amantes do teatro e o musical. Da man do director Marcos Orsi, Teatro do Aquí revisita a versión do malogrado Vidal Bolaño, quen xa levara a escena a Ópera de a patacón no 94.
Desta vez o espectáculo contará cos recursos que no seu día ideara o dramaturgo compostelán e que non puideran materializarse por motivos económicos. A principal anovación é precisamente o elemento musical, que vén da man de Javier Debesa, guitarrista ademais de autor, acompañado de Cándido Lorenzo ao clarinete e Xavier Camba á percusión. Un estilo musical que lembra ás bandas sonoras do director de cinema serbio Emir Kusturica. Acompáñanos no escenario os actores Xoán Mejuto, Leticia Sola, Pepa Yáñez e Luis Iglesia, neste espectáculo de bandidos, encargados de amenizar cada ano a festa da Asociación dos Amantes da Opera Italiana. Con este motivo os atracadores xuntan cartos para poder escenificar a historia de Mackie Navallas, e de paso quedar coa volta.
A Ópera de a patacón remóntase a 1728, cando foi escrita polo dramaturgo John Gay. Douscentos anos despois rescatouna Bertolt Brecht, que a levou a escena nun espectáculo versionado xunto co compositor Kurt Weill. A partir de sendos textos e tradicións Vidal Bolaño crea a súa propia versión para Teatro do Aquí, que a representa hai agora once anos.
Despedida
A oportunidade deste espectáculo non se limita á propia Ópera, senón tamén na posibilidade de que esteamos ante a última producción da compañía. Teatro do Aquí foi fundada hai 14 anos por Vidal Bolaño e nestes anos toparon con varios obstáculos, fundamentalmente de natureza económica, como sinala a directora da compañía, Belén Quintáns. Segundo manifestou «quedamos con pena de que as cores do Centro Dramático Galego non lle dean cabida a textos de Vidal Bolaño». As críticas tocan tamén o eido do financiamento, asegurando que para este espectáculo só contaron coa colaboración da concellería de Cultura de Santiago de Compostela e do seu titular, Néstor Rego.
servido por mardefondo
sin comentarios
compártelo
17 Enero 2006
O teatro está de actualidade en Galicia, non cabe dúbida. Dende que chegou a San Caetano o novo goberno, as cousas están mudando e moito entre as bambalinas deste país. As reaccións ante tal metamorfose conviven nun abano para todos os gustos.

Hai un tempo soubemos que daban o finiquito ós que ata agora ocupaban os cobizados eidos do Centro Dramático Galego. Unhas institución que dende os seus comezos mantívose en entredito. O vehículo mellor dotado para a diginificación e crecemento da escena galega, converteuse ó cabo en couto exclusivo dun reducido grupo de numerarios. E conste que iso non quere dicir que as produccións que se teñen feito nestes anos sexan de pouca calidade, só que o feito de poder chegar a esas esferas era arduo de máis para moitos, impensable para algúns e garante para uns poucos. Sempre os mesmos.

Hai uns meses destituían do seu cargo ó impopular Manuel Guede. Para o seu lugar sinalouse á directora dunha compañia de contrastada calidade, Sarabela. A elección de Ánxeles Cuña foi recibida nsa filas dos teatreiros con alegría case xeral. Houbo quen veu nesta elección o erro de nomear como cabexa visible dun ente institucional unha directora dunha empresa privada, coa posible discriminación positiva que barra para casa.
A de expectativa foi a sensación xeral que embargou o gremio nestes meses. O silencio, só roto por algúns rumores e a única certeza da caída de cartel de algúns espectáculos do pasado CDG. Entre eles a producción de Eduardo Alonso (pódese ver a súa pataleta expresa no Galicia Hoxe do pasado venres 13), e o Merlo Branco de Cándido Pazó (unha mágoa, penso).
O sábado púxose fin a este estado de incertidume desvelando, no marco dunha presentación-antruidada, as produccións que compoñen o corpus do que será o CDG en datas vindeiras. O próximo que veremos será un espectáculo de Matarile Teatro, quizais un modo de consolar á compañía logo do peche da que era a súa sala permanente, Teatro Galán.
Os nenos tamén están entre os intereses do CDG, cunha producción que orquestrará a contacontos Paula Carballeira.
Máis alá do que son as produccións en si, o que segue sen mudar é a dinámica da institución. Catro produccións anuais cos seus respectivos tempos de ensaios e xira. O gremio non se pon dacordo neste punto: algúns conveñen en que son demasiados espectáculos en poucos meses, o que fai caducar cedo de máis cada producción. Para outros é unha cuestión de números: canto máis tempo se mobiliza un elenco e un equipo técnico máis custa sacar rendabilidade, ou neste caso, máis cartos se perde (unha falacia, por suposto, crer que se poden gañar cartos nun contexto como o galego).
Non se sabe moito máis do que será a partir de agora o teatro institucional en Galicia. Para o alternativo, dende logo, non corren bos tempos.
Nos meses vindeiros veremos cara onde camiña o CDG e o teatro en xeral, e sobre todo cara onde se dirixen agora os dardos sempre afilados dos descontextos co sistema (que sempre os hai).
Polo momento quedamos á espera, como Godot. Por certo, hai novas de que veremos máis de un Beckett neste ano do seu centenario. E tamén algún Hamlet de indiscutible atractivo mediático...
servido por mardefondo
sin comentarios
compártelo
19 Diciembre 2005

Soubémolo o venres. A sala Galán de Santiago de Compostela pon o peche a doce anos de traballo, duro e comprometido traballo, para coa saúde cultural da cidade.
O seu traballo podémolo analizar dende moitos puntos de vista. Algúns han valorar o esforzo financeiro, outros verán o fracaso dunha política programática arriscada. Tamén hai quen eleva un discurso crítico e acha erros de administración e pretensións de industria cultural (un concepto hoxe por hoxe non asumible en Galicia). Sexa como for, o resultado é o mesmo: a Galán pecha definitivamente e Compostela fica así sen un dos seus espazos máis emblemáticos.
Fóra de todos os erros que se poden apoñer, non está de máis facer chegar o noso pesar polo peche deste espazo, un dos poucos que aapostaron por arriscar á marxe dos circuitos institucionais, case sempre endogámicos e autocomplacentes.
servido por mardefondo
1 comentario
compártelo