Hai poucas xornadas reseñaba neste caderno a que está a ser unha das estreas teatrais máis agardadas da tempada, e xa daquela apuntabamos algúns dos razoamentos que a facían especial á marxe de argumentos cualitativos. Viamos logo que a cuestión de estarmos perante unha das obras máis senlleiras, e xa viaxada no tempo (estreouse por vez primeira no 94), do malfadado Roberto Vidal Bolaño. nostálxicos, amantes do teatro e curiosos compoñen a fauna maiaoritaria entre o público deste espectáculo. Tamén os que mal queren á compañía, xa que se ven de anunciar que será este o último espectáculo de Teatro do Aquí, a formación que creara o dramaturgo compostelán hai dúas décadas. Un anuncio aínda non confirmado, e que no seo do gremio se atribúe, ora unha mala xestión da dirección, ora a pretensións que non poden terse en Galicia, ora a non ter callado entre os favoritos da nova administración, que de todo hai entre os que queren opinar.
Pois ben, que volvemos sobre o tema da Ópera de a patacón. En calidade de espectador é obrigado admitir que a duración do espectáculo está moi por riba do recomendable. Algo máis de dúas horas nas que o público se revolve na súa butaca sen entender a conto de que Marcos Orsi se perdeu en tanta volta e reviravolta, en tanto enredo sen propósito.
Un marcha do teatro coa sensación de ter asistido a certa cousa de empaque, por máis que os riles aseguren o contrario. Pero a pouco que se risque na superficie faise evidente que o produto non é tanto, aínda que non tan pouco.
Ben é certo que a escenografía podía ser ben mellor, que atrezzo e caracterización eran fracos dende todo punto de vista, e tamén que a expresión de musical quedou reducida a meras pinceladas sobretodo vocais, resoltas con cuestionable mérito e condicións naturais.
Malia todo, a principal limitación radica na falla de ritmo, que fai da Ópera un espectáculo inconstante, case esquizofrénico, e en consecuencia pouco rotundo e lioso. O espectador pérdese en varios momentos nos que a descontextualización, o barullo de nomes estranxeiros e a asunción por parte de cada actor de varios personaxes, obriga a un grao de atención que o resultado final non compensa.
Para rematar, e por non rachar co ánimo de asistir a unha función para os que aínda o teñan, apuntar o principal activo do espectáculo. Sen dúbida Luis Iglesia, do que xa sabiamos o excepcional dominio da voz, aínda que moito máis evidente (na pel de varios personaxes case simultáneos); e do que puidemos admirarnos como actor visible fóra do tubo catódico.
Escribe un comentario