Colas interminables ao frío ruín de Compostela, apertura de taquilla a horas insospeitadas, cartel de cheo e moita expectación. Non se trata do concerto de U2 nin de triunfito algún que se deixara ver por estas latitudes. O motivo de tanto traxín non foi outro que o da arrivada á cidade do Apóstolo do sonado Hamlet galego. A producción de RTA que dirixe Lino Braxe, a quen por certo, lle deben pitar –e ben- os oídos estes días.
O caso é que foron centos as persoas que se arrincaron do sofá a pasada fin de semana a pesares do mal tempo, para acudir ao teatro. E quíteme Deus de criticar tal esforzo. Louvado sexa quen deu en atraer de tal xeito ao persoal, moito do cal era, por certo, a primeira vez que acudía a tal evento. A causa é máis que sabida: o xuíz de Portozás deixábase ver na pel dun pouco crible “incerto señor don Hamlet”. Pero gustou, vaia se gustou. Os aplausos rompían coas mans, e os asubíos e os berros de “guapo, guapo” encheron a sala logo de máis de dúas horas e media de espectáculo. Tanta ledicia desconfío non fora por ter rematado e poder desentumecer nádegas e articulacións varias, que pola excelencia da produción.
E é que a cousa, non poden negalo, daba para máis. Para moito máis. Tanto no eido interpretativo como na mera posta en escea, o resultado foi frouxo, tirando a cutre.
A maior parte das personaxes son simples siluetas de cartón, de tratamento superificial, sen intencións, sen carácter. Tanto que dubido que os propios actores superan en todo momento cal era o seu papel e o seu nome.
A elección de actores debe ser ante todo responsable e convincente. Non se pode consentir que o elenco responda a un criterio mercantil, coma quen escolle adubíos para un escaparate. Si, hai que traer a xente ao teatro, pero non para que non volvan do espanto.
Canto á escenografía, lembro montaxes afeccionadas ben máis dignas. As columnas de orde sincrética ameazaban en todo momento con descalabrar a Hamlet-Tosar e o seu padrastro-Pernas, quen por certo, segue na súa liña de impostación elocutoria, que obriga a ignoralo por excesivo e recalcitrante.
O certo é que non se ve por ningures tanto carto como se conseguiu xuntar para esta produción, a non ser que as star system encheran a saca sen rubor.
Pero sen dúbida, o máis enoxoso é o tratamento musical. Un repertorio inmotivado, absurdo, ás veces mesmo ridículo, fai que se perda o sentido nalgúns dos momentos álxidos do Hamlet. A falla de criterio fai que ocorran este tipo de tropezos, inexcusables para quen se pretende paradigma do moderno teatro galego.
En fin, que hai moito onde rascar nesta ocasión, e que quede claro que non polo gusto de tirar abaixo a aposta shakesperiana, senón polo prematuro colgue de medallas e o desprezo expreso ao traballo da profesión, no marco dunhas condicións case sempre ben máis duras do que desta volta.
Paréceme inclible que alguén poda facer unha "crítica" con tan mala leche como a túa, semella que está feita antes de sair da casa. O que necesita o teatro galego é que desaparezan tipos coma ti e coma Camilo que resultan totalmente imparciais nas súas críticas. Pido como espectador que non se me trate de estúpido, eu fun ver Hamlet, encantoume e recomendeillo a miña xente. O Hamlet de Lino fai que xente que nunca foi ó teatro teña a oportunidade de ver un Hamlet feito para eles. Semella que non podedes aturar que o público aplauda o espectáculo e, segundo teño escoitado, mesmo sega enchendo os teatros galegos para ver este espectáculo. Gracias a Lino e a todo o elenco por traballar pola cultura do pais a pesar das envexas carroñeiras.
Para comezar, deberías ter en conta o concepto de crítica: isto é, comentario respecto de calquera obra a partires de criterios que procuran certa obxectividade, á marxe de clientelismos.
Non entendo a que te refires cando dis que "O Hamlet de Lino fai que xente que nunca foi ó teatro teña oportunidade de ver un Hamlet feito para eles".
Paréceme xenial que a xente se anime a ir ao teatro pero non que se venda o espectáculo coma se nunca tal se fixera neste país, porque, por se non o sabes, en Galicia existe un corpus de compañías de teatro impresionante, que xa teñen levado a escea máis dun Shakespeare (por certo que o Hamlet foi representado tamén, e con moita dignidade e menos recursos, a Aula de Teatro da Universidade), e moitos outros autores dende hai décadas.
En fin, que o primeiro é respectar as críticas porque aí reside a liberdade de expresión.
Semella que estas doido por que se faga un espectáculo con presuposto na súa meirande parte privado. Lino Braxe e R.T.A. foron quen de conseguir os cartos para facer o seu soño realidade e de paso crear un Hamlet comercial que leve o público ó teatro, que sexa seguido con gran espectación polos medios e que cree un séquito de seguidores que o defendan. Ninguén lle debe nada a este Hamlet, o que está a conseguir é merito de todo o elenco e, segundo teño leido, do traballo da productora e de Lino para conseguir os cartos. As críticas deben ser feitas con respeto e a túa adolece de este. "obriga a ignoralo por excesivo..." "para que non volvan do espanto..." e esa ledicia cando escribes que a Lino lle deben pitar ben os oidos...
Estou de acordo con que en Galicia se fan bos espectáculos e moitos cun cuarto do presuposto desta montaxe, pero unha cousa non quita a outra e ogallá que no futuro teñamos máis espectáculos de gran formato tratados como o noso Hamlet. O primeiro Hamlet do teatro galego profesional, por que... ¿o teatro universitario ... é teatro profesional?
Por certo, o primeiro artigo publicado o 21 de febreiro é anterior ás representación do Hamlet en santiago, así pois, ¿Cómo te atreves a dicir que as túas críticas non son clientelistas cando no artigo do 21 xa dabas por feito que o espectáculo ía ser un desastre? , "non chega ó aprobado", "éxito de público máis pola presenza de luis Tosar que pola calidade do espectáculo" ¿Iso é ser imparcial? Nos mesmos días leín unha das críticas do Ideal Gallego na que poñían moi ben o espectáculo, ¿Por qué non falas de esa e so da do teu "camarada" Camilo? Vaia par...
Non entendo a saña contra o crítico (que por certo, nin sei quen é, é a primeira vez que entro neste blog). Seica neste país segue sen haber boas tragadeiras para aturar a quen non concorda co gusto dun ou moitos espectadores.
Eu non vin o Hamlet este, e non sei se concordaría co crítico ou non, pero o que desde logo non faría sería chamarlle cutre nin envexoso. Contraargumentaría. ¿Tanto traballo dá?