A tarde de onte foi de bule-bule para as xentes do teatro. Os rumores máis sorprendentes non se confirmaron ata a tarde, cando se decidiron a convocar unha rolda de prensa para confirmar que o buque do CDG queda sen patrón. Ánxeles Cuña Bóveda demitiu onte da direción do Centro, segundo dixo, polo impedimento de lle garantir o único requisito que puxera á entrada no cargo. A Consellería de Cultura non pode garantirlle a praza de docente nun instituto de Ourense.

O director xeral de Promoción e Difusión Cultural, Luis Bará, acompañaba onte a Cuña, e confirmaba a incompatibilidade no cargo co mantemento da praza que esixía a directora de Sarabela. Con pesar, Bará asegurou que "non se lle pode reservar o destino". Tildou a situación de inxusta e explicou que atende ao mecanismo propio do Igaem, polo cal o contrato asinado ten a categoría de alta dirección e non de alto cargo, polo cal non ten dereito á comisión de servizos especiasi que garantiría a praza e o destino da directora.

Todos lamentaron a coxuntura legal de incompatibilidades coa que se enfrenta o CDG, e que levou á demisión a Cuña. Lembrouse tamén que durante trece anos (os que durou no cargo Manuel Guede) incurriuse nunha situación de ilegalidade, xa que si se mantivo a praza docente.

Tan só seis meses foron os que durou o mandato de Ánxeles como responsable do teatro institucional galego. Medio ano que deron tempo para formular (un tanto ás presas, hai que dicilo) un proxecto de catro anos, e para dúas estreas: Illa Reunión, de Ana Vallés, e A cabana de Babagaiá de Paula Carballeira. Ata o momento, sendos espectáculos con boa acollida de crítica e público.

Haberá que agardar ata o vindeiro 17 de marzo para coñecer quen se ocupará da dirección en diante. Quen sabe, igual chaman de novo a Guede...