CARAMBOLA
A televisión puido ser canle de democratización da cultura, pero ás máis das veces desaproveitou virtudes e limitouse a popularizar a necidade e o mal gusto. Outras eleva á masa pública a proxección de verdadeiros talentos, aínda que encorsetados nas reglas de xogo do soporte catódico. É o caso do traballo de verdadeiros actrices e actores de primeira orde, que non poden traspasar os esquemas prestablecidos do medio, a pesar da calidade do seu traballo. Malia todo, o bo facer trascende o medio.
Sendo o caso dalgúns dos intérpretes do último espectáculo de Lagarta,lagarta, non sempre resulta suficiente para acadar o éxito.

Folga dicir que a traxectoria da compañía avala a expectación xerada por cada novo traballo. De algo debe servir traballar arreo e con criterio durante anos para merecer respecto.
A popularización en sentido estricto non veu, non obstante, vencellada ao bo facer profesional, senón ao tirón lexítimo do seu intérprete estrela, Ernesto Chao. Os teatros e auditorios de concellos e cidades enchen ata a bandeira polo simple gusto de ver en escea a quen xa é un máis da familia. Máis de dez anos nos que Miro Pereira entra sen pedir permiso na casa de moitos galegos cada mércores.
A pereiramanía xa pensan en estudala nos gabinetes de psicoloxía, un cadro de apego inmotivado que non entende de idades, e se manifesta cada vez que sobe a un escenario.

A coxuntura non debería aproveitarse como salvoconducto. Unha estratexia que Lagarta, lagarta tira de man dende hai un tempo, e que se traduce en espectáculos inconsistentes, soportados por talentos indiscutibles que, non obstante, non avalan na práctica a consistencia do produto.
O descoido e a confianza na calor do público enxérganse endémicas e acumulan mediocridades indignas de quen as asina. Non se entende que unha das compañías máis veteranas do espectro galego, cos recursos técnicos e humanos de meirande valía, rebaixe de tal modo esixencias cualitativas, tanto en texto e idea orixinal, como en trazo e profundidade de personaxes, como en traballo de ritmo interno e externo.
A dignidade da profesión merece un traballo sempre coidadoso, que non relaxe por que saiba cheo o patio de butacas.

Nilde dijo
Que razón tes. Saín a cuadros hai dous anos de ver "Fobias". O texto era un refrito de lugares comúns en canto a trama, e as personaxes tiñan menos carne que unha costeleta de año. Non lle boto a culpa do mal resultado a nada máis que ao texto, que non daba para nada. Eso si, ao conxunto dos espectadores paréceme que lles gustou. Pero os autores non deberían conformarse con poñer en escea textos "resultóns", senón pezas das que se sintan ben orgullosos.
Seguro que Prieto ten talento e capacidades para facelo estupendamente; e eu desde logo seguirei asistindo aos seus espectáculos coa mellor disposición.
3 Mayo 2006 | 02:18 PM